16 dic. 2011

Proximamente na Biblioteca...


O vindeiro 26 de Xaneiro do 2012, ás 16:30 horas, esperámovos na Biblioteca para participar nunha actividade de CINE e LITERATURA, organizada polo Club de lectura xunto co profesor Quique Pujales (responsable da actividade de Cine do noso Instituto).
Nesta ocasión poderemos disfrutar de distintas adaptacións cinematográficas dun clásico da literatura MADAME BOVARY, de Gustave Flauvert.

 Se queredes participar anotádevos na Biblioteca e vos facilitaremos o fragmento da obra que tedes que ler.

ESPERÁMOSVOS!

11 dic. 2011

10 de decembro: día dos dereitos humanos

O 10 de Decembro conmemoramos o 63 Aniversario da DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS de 1948, probablemente o texto máis relevante do século XX, tamén o máis violentado e incumprido, un código universal de dereitos, de desexos e de aspiracións da Humanidade, plenamente vixente, aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas.


10 dic. 2011

10 de Decembro. Día dos DDHH


63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un  mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un  fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير  (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


25 nov. 2011

Concurso Nadal 2011

A Biblioteca Wirtz xunto co ENL, convoca un concurso que ten por obxecto o deseño do noso CALENDARIO DO ANO 2012.
O tema é a TRADICIÓN DO NADAL GALEGO, e especialmente a figura do APALPADOR.
Para participar haberá que presentar imaxes, debuxos, cantigas ou lendas que leven como motivo central ao APALPADOR. Tamén podedes escribir unha carta ou postal dirixida a esta personaxe


Todos os alumnos do Instituto poderán participar presentando traballos orixinais e inéditos.

Admitiránse traballos ata o 15 de decembro do 2011

 Os traballos premiados serán publicados no calendario anual do Instituto e recibirán un agasallo sorpresa.

Para ter máis información pásate pola Biblioteca para consultar as Bases do concurso

ANÍMATE A PARTICIPAR!

24 nov. 2011

25 N día contra a violencia de xénero

"Lonxe de desaparecer, a violencia contra as mulleres en todas as súas crueis
manifestacions e en todos os lugares do mundo,  parece incrementarse e fortalecerse...
Loitemos contra a violencia machista, económica e cultural que sufren as mulleres."


21 nov. 2011

RINCON OTAKU

Kaori Yuki é unha ilustradora de manga xaponesa


Kodomo no Omocha de Miho Obana

Un novo club de lectura dedicado a MANGA. A profesora Loli Carril organizou un falodoiro que tivo lugar na biblioteca o venres pola tarde. Contou coa colaboración especial de Ana María López Neira, alumna do noso centro,  quen é especialista en Manga e afeccionada á cultura xaponesa, ten realizado cursos de iniciación de xaponés e de iniciación a Manga. Ana falou da súa experiencia como lectora de ANIME e MANGA e das diferentes categorías como Shöjo (rapaza ) é un xénero de manga e anime dirixido a rapazas; Seinen dirixido a un público masculino de 18 ou máis anos de idade; Kodomo (neno) para o público infantil; Shönen (mozo) é o nome das revistas dirixidas aos xóvenes; Josei, dirixido a mulleres; Hentai, publicacións para adultos...
O faladoiro resultou moi entretido e serviu para que aprendésemos algo sobre comic manga e a cultura xaponesa. Parabéns por esta iniciativa !!!

Por Cris Asensio

17 nov. 2011

BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Esta entrada é para poñernos a todos os dentes longos!
Este vídeo foi rodado en centros do Plambe de diferentes recunchos de Galicia, e presentouse no Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, celebrado en Compostela os días 10, 11 e 12 de novembro
As imaxes exemplifican a distribución de espazos nas novas bibliotecas, e algunhas das actividades que o alumnado realiza nelas día tras día.
Moito nos queda por mellorar, pero aí estamos pouco a pouco!

3 nov. 2011

Refráns para o outono

Dende a Biblioteca do CEIP  Esteiro de Ferrol, chéganos está recompilación de refráns para celebrar a chegada do outono. Esperamos que vos gusten!

Agradecémoslle dende aquí que compartan connosco este fermoso traballo

31 oct. 2011

CONTOS Á LUS DA CABAZA

PASÁMOLO DE MEDO!

Por Cris Asensio

O pasado Venres celebramos na biblioteca unha actividade de samín que incluíu teatro, club de lectura...e merendola. Participaban os alumnos e alumnas de 2º de ESO. Para empezar Karina e Eduardo, dous alumnos de 1º de bach. letras, explicáronos en que  consistía esta celebración do día de difuntos e as súas orixes e significado.  A seguir cantamos unha canción de Mamá Cabra que falaba do baile dos esqueletes, bruxas e demais monstruosidades nunha noite de trebón, nun misterioso castelo. Despois Paula e Elías contaron contos de medo realizados por eles ao resto e o grupo de teatro de 2º A, composto por Andrea, Margarita, Rubén e Brais, fixo unha dramatización do conto de Anxel Fole, Antón de Cidrán. Para rematar Pablo e Andrés recitaron un conxuro para botar fóra todos os medos. De postre comemos "linguas de gato", zonchos preparados pola profesora Elisa para a ocasión, e unhas lambetadas moi larpeiras que trouxo a profesora Cecilia. Volveremos a repetir a experiencia. Atreveraste a participar?

18 oct. 2011

A nosa biblioteca


Iniciamos un novo curso coa boa nova da incorporación do noso IES ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) que convoca a Consellería de Educación. Desde aquí, os compoñentes do  equipo de biblioteca queremos anunciar que tentaremos  levar adiante con moita ilusión o  proxecto no que a mellora da nosa biblioteca será o obxectivo principal.

8 jun. 2011

Normas de uso da biblioteca

Publicamos este simpático vídeo sobre as normas de uso da biblioteca realizado polo IEs Frei Sarmiento de Pontevedra. Tomade nota!!!

29 may. 2011

Concurso Letras Galegas 2011

Concurso literario Letras Galegas 2011
O xurado composto por profesoras de lingua e literatura decidiu conceder os seguintes premios:

ESO

En ESO, na modalidade de narrativa o premio foi para o relato titulado

Unha rapaza e os seus cambios de Alba Llamazares Rodríguez (2º B)

Na modalidade de poesía non se concedeu ningún premio.


BACHARELATO

Modalidade de POESÍA:

1º premio Marta Barandela (1ºBach)

2º premio Sabela Rodríguez (2º Bach)

Modalidade de narrativa:

1º premio Sabela Rodríguez (2º bach)

2º premio Marta Barandela (1ºbach)

6 may. 2011

Concurso de narración e poesía

O departamento de Lingua Galega e Literatura e conmemoración do Día Mundial do Libro o 23 de abril, e o Día das Letras Galegas, adicado este ano a Lois Pereiro, organiza un  Concurso de Narración e Poesía. Hai dúas modalidades, unha para alumnado de ESO e outra para alumnos de Bacharelato e Ciclos Formativos. Outorgaránse dous premios de Poesía e dous premios de Narración en cada modalidade. O primeiro premio está dotado con 100 euros e o segundo con 50 euros. O fallo do xurado darase a coñecer o venres 13 de maio de 2011.

26 abr. 2011

Marica Campo no IES Fernando Wirtz

O vindeiro xoves 28 de abril estará con nós a escritora Marica Campo para participar no faladoiro sobre  Confusión e morte de María Balteira. Esperamos que vos animedes a participar, traendo as vosas preguntas, opinións, suxestións... e que resulte un club verdadeiramente animado.
Inspirado no relato "Soliloquio dunha xacia" por Laura Montes (1ºBach)
A tertulia terá lugar na tarde do xoves, ás 16.30, no salón de actos do noso IES

26 mar. 2011

Día da poesía


Por Cris Asensio

       A celebración do día da poesía foi a culminación dunha serie de actividades que viñamos realizando nas semanas anteriores, nelas  participapn alumnos de diferentes cursos de ESO e Bach. Recoller poesías, facer un mural para a biblioteca con poemas escollidos polos alumnos e alumnas ou feitas por eles, preparar curtametraxes ou calquera tipo de material audiovisual partindo de cantigas medievais, adornar o recibidor principal do instituto con motivos poéticos, así como a proposta de facer "un cadáver exquisito" ou a "caixa máxica" das palabras" foron as actividades máis significativas. O día 23 de marzo no salón de actos tivo lugar a proxección das curtametraxes neotrobadorescas nas que estiveron traballando os alumnos de 1º de bach e a seguir houbo un recital poético-musical para o que contamos coa participación de alumnos de 4º e 2º da ESO. No recital escoitamos poesías de distintos autores e linguas, principalmente en galego pero tamén en francés e ata en ruso!
Colaboramos as profesoras que formamos parte do Equipo de Normalización lingüística, do equipo de Club de lectura  y Biblioteca e o director do centro.

10 feb. 2011

DIA DE SAN VALENTÍN


"A rapaza da perla" do pintor holandés do S. XVII Johannes Vermeer.
Na biblioteca do noso instituto celebramos o día dos namorados e por iso queremos agasallarvos con esta fermosa cantiga neotrobadoresca composta por Joel Taibo Vilariño de 1ºBC1,  quen quere dedicarllela a todas as compañeiras da súa clase:

A tristura do meu corpo
de pensar que non é miña
e a ledicia do seu dono,
o sufrir da miña vida.
                Oxalá fose miña,
                meu amigo!

Cando comezan os días
longos cabelos como ouro
asoman pola ría,
nunca vin pelo tan louro.
             Oxalá fose miña,
               meu amigo!

Morro se vexo que chora,
vivo cando ela ri,
se un día miña fora!
Maldigo o día cá vin.
           Oxalá fose miña,
            meu amigo!

É a miña luz no camiño,
é a sombra dos meus amores,
por todos os que sospiro.
É máis bela ca mil flores.
            Oxalá fose miña,
              meu famigo!

morrerei por ela de amor.
Para deixar de sufrir
que me maten, por favor,
non quero sen ela vivir.
            Oxalá fose miña,
            meu amigo!

26 ene. 2011

XXI Concurso de contos Vila de Pontedeume


Os rapaces de ata vinte anos que estuden o segundo ciclo da ESO, Bacharelato ou ciclos formativos poden presentarse, ata o día 1 DE ABRIL á XXI edición do Concurso de Contos Vila de Pontedeume. Trátase dun certame xa veterán no que participan escritores en potencia de todo Galicia. Pídense textos escritos en galego cunha extensión entre seis e dez folios mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.

Establécese un único premio de 732€, que poderá quedar deserto se así o decide o xurado. De tódolos xeitos, tamén se da o caso de que a calidade dos contos faga que se destaquen accesits. O fallo darase a coñecer o día 17 de maio, nun acto público que se celebrará no salón de plenos do concello.

Poden aclararse dúbidas sobre as bases na Biblioteca do centro ou chamando aos teléfonos 981 43 25 98 ou 607 51 27 06.