24 abr. 2008

DÍA DO LIBRO

Como xa sberedes, no día do libro, algúns dos nosos alumnos de 4º da ESO (Alberto, Antía, Amar e Marieta),fixeron un contacontos para os seus compañeiros de 1º e 2º curso.

Aínda que tiveron un gran éxito, non todos puidemos disfrutar deles, así que aí van unhas fotiños para que os vexades "en acción".

Dende o noso blogue queremos agradecer a súa colaboración nese día:













16 abr. 2008

Día das letras galegas: concurso literario

Convócase o CONCURSO LITERARIO ANUAL do IES Fernando Wirtz con motivo do Día das Letras Galegas, este ano adicado ao escrito e estudoso Xosé María Álvarez Blázquez.

1. Haberá dúas categorías:
a) Para alumnos de 1º, 2º e 3º de ESO
b) Para alumnos de 4º de ESO, ESA, Bacharelato e Ciclos.

2. Cada autor presentará só un texto en prosa ou verso, orixinal, en lingua galega e de tema e extensión libre.

3. Os orixinais entregaranse antes do mércores 30 de abril a calquera profesora de galego. Os textos irán en sobre pechado, no que se indicará o lema e a categoría, contendo no interior, e noutro sobre, os datos do autor: nome e curso.

4. Para cada categoría e cada xénero haberá un primeiro premio dotado con 50€, e un segundo dotado con 20€.

5. Un tribunal composto polo profesorado de galego emitirá o fallo, que será público durante os actos de celebración do Día das Letras Galegas. Os textos gañadores serán publicados no número de maio de O Voceiro

11 abr. 2008

RECOMENDACIÓNS DE LECTURA DO MES DE ABRIL

Estas son as nosas suxerencias de lectura para este mes de abril. Todos os exemplares están na Biblioteca.Anímate a coller algún e danos a túa opinión.


AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
Aire negro


Tres anos despois de ocorridos os feitos, un ex psiquiatra cóntanos unha experiencia estarrecedora coa súa primeira paciente






CARMEN MARTÍN GAITE
Caperucita en Manhattan


Recreación do conto de “Caperucita Roja”, adaptado á sociedade na que vivimos, cunha Carapuchiña que é unha nena de hoxe e que se move nun bosque moi diferente (Manhattan), e que se encontrará coas personaxes do famoso conto. Carapuchiña é un clásico da literatura sobre a iniciación á vida adulta, sobre os perigos aos que temos que facer fronte e a esixencia de facelo en liberdade e por nós mesmos




J.D. SALINGER
El guardián entre el centeno

Holden Caulfield sabe que vai ser expulsado do colexio, e decide deixalo antes. Pasa tres días na cidade de Nova York s conta a historia do que fixo e sufriu



FRED UHLMAN.

Reencontro
Hans é fillo dun médico xudeu e Konradin é un aristócrata descendente dunha das familias máis vellas de Alemaña. As súas afinidades e o seu xeito de ver as cousas convérteos en amigos íntimos. Pero cando Hitler chega ao poder, Konradin entra no exército nazi e Hans ten que marchar de Alemaña.




RICARDO GÓMEZ
O cazador de estrelas

Bachir é un neno enfermo que vive nun campamento de refuxiados saharauís. Debido á súa doenza está recluído nunha tenda e a súa familia coida del. Non sabe ler nin escribir e abúrrese cos libros de imaxes que lle leva súa irmá. Descobre que a través dos sons que lle chegan do exterior pode comprender de todo o que pasa no campamento. Entretense escoitando estas voces e imaxinando o que transcorre fóra da súa tenda. Unha noite escoita o ruído duns pasos e coñece un vello que lle vai contar a historia do seu pobo e a posibilidade de curarse da súa enfermidade.





JOSÉ LUIS SAMPEDRO
El mercado y la globalización

O autor cóntanos dunha maneira sinxela os principios fundamentais da economía e o impacto que ten no noso mundo a chamada globalización. É moi fácil de ler e ten boas ilustracións

4 abr. 2008

23 de Abril Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor.

Un 23 de abril de 1616 morreron personalidades tan relevantes para a Literatura como Shakespeare , Cervan-tes ou Garcilaso de la Vega. Por iso, a Conferencia Xeral da Unesco pensa nesta data para render unha homenaxe ós libros e ós autores e autoras alentando, especialmente á xente xoven, a descubri-lo pracer pola lectura.

Alguén dixo...


“...eu fiquei totalmente subxugado (...) polas palabras, ao me dar de conta de que eran instrumentos máxicos, poderes encantadores, deuses creadores de todo canto había e canto podería haber, seres que se transformaban, non diante dos meus ollos, senón dentro de min”. (Xabier P. Docampo, Catro cartas)




DECÁLOGO SOBRE OS LIBROS E A LECTURA

1. O libro, o mesmo que a arte en xeral, debe estar presente de forma natural e habitual na vida dos xoves.

2. O libro non é un patrimonio exclusivamente cultural, senón un elemento máis de entretenemento nun mundo aberto cada día a máis opcións de ocio global.

3. Un libro é coma un disco, unha película, un vídeo o un xogo: pura evasión.

4. A biblioteca é o maior salón de xogos (gratuíto) do mundo, e hai sempre unha máis ou menos cerca de ti.

5. Ler fainos independentes, danos personalidade, poder, forza, ideas propias, diferéncianos dos demais.

6. Ler é a principal chave desa porta chamada liberdade.

7. Ler é a única droga que de verdade nos abre a mente, nos da luz e nos cambia.

8. Ó ler, ó sentir, lembramos que estamos vivos, e que isto é un privilexio.

9. Cando o mundo intenta darnos alcance e asquearnos, ler é o único que nos devolve a nosa condición humana.

10. Ler é coma facer o amor: estás ti e o libro, sós, compartíndoo todo.



JORDI SIERRA I FABRA